Sunday 19 de May de 2024

O Concello mellora a accesibilidade na rúa Pozo Ranchos, na Falperra, onde se instalará unha plataforma salvaescaleiras


O plan definido polo servizo de Infraestruturas abrangue a remodelación total do pavimento da rúa, onde se instalarán novas baldosas de terrazo, unha tipoloxía de material máis resistente e duradeiro

O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestruturas, está a levar a cabo melloras na accesibilidade peonil no barrio da Falperra na rúa Pozo Ranchos.

Os traballos comezaron coa demolición inicial do firme, unha intervención que irá seguida da revisión das principais acometidas á rede xeral de saneamento. Neste sentido, tamén está previsto levar a cabo a substitución dos colectores de augas pluviais e fecais, pola súa antigüidade. O plan definido polo servizo de Infraestruturas abrangue, xa posteriormente, a remodelación total do pavimento da rúa, onde se instalarán novas baldosas de terrazo, unha tipoloxía de material caracterizado pola súa resistencia e durabilidade.

Á rúa Pozo Ranchos, un enclave interior do barrio da Falperra distribuído en forma de óvalo, pódese acceder desde a escalinata da rúa Pozo, conectada con Juan Flórez, ou a través dun acceso peonil, en forma de túnel e con dous treitos de escaleiras, desde a rúa Travesía do Monte. É precisamente neste treito onde se instalará unha nova plataforma salvaescaleiras destinada a garantir o acceso ás persoas con mobilidade reducida, apta para ambientes exteriores e dotada con guías en aceiro inoxidable, resistentes á corrosión e ao desgaste.

Ademais, e xa no circuíto interior de Pozo Ranchos, Infraestruturas ten previsto reformar o treito de escaleiras que axudan a salvar o desnivel entre os diversos bloques de vivendas. A este respecto, disporanse unha rampla de formigón en forma de ‘L’ que conectará os sectores sur e norte de Pozo Ranchos polo seu carril central. A maiores, e para ultimar os traballos, tamén se renovarán as barandillas existentes na rúa, que pasarán a ser de doble pasamáns e feitas a base de aceiro inoxidable.

O investimento previsto polo Concello para completar esta intervención é de 213.155,74 euros. O prazo de execución estimado para a conclusión das obras é de tres meses.